GNU Taler: características
GNU Taler é un sistema de pago que preserva a privacidade. Os clientes poden permanecer anónimos, pero os comerciantes non poden ocultar os seus ingresos a través dos pagos con GNU Taler. Isto axuda a evitar a evasión fiscal e o branqueo de capitais.
O principal caso de uso de GNU Taler son os pagos; non está pensado como unha reserva de valor. Os pagos sempre están respaldados por unha moeda existente.
Os pagos realízanse despois de cambiar diñeiro existente por diñeiro electrónico coa axuda dun servizo Exchange, é dicir, un provedor de servizos de pago para Taler.
Ao realizar un pago, os clientes só precisan unha carteira cargada. Un comerciante pode aceptar pagos sen que os seus clientes teñan que rexistrarse no sitio web do comerciante.
GNU Taler é inmune a moitos tipos de fraude, como o phishing de información de tarxetas de crédito ou a fraude de devolución de cargos. En caso de perda ou roubo, só se podería perder a cantidade limitada de diñeiro que quede na carteira.
Pagar con Taler
Para pagar con Taler, os clientes instalan unha carteira electrónica no seu dispositivo. Antes do primeiro pago, hai que engadir a moeda desexada ao saldo da carteira por algún outro medio de pago.
Unha vez cargada a carteira, os pagos nos sitios web só precisan un clic, nunca son rexeitados falsamente pola detección de fraude e non supoñen ningún risco de phishing nin de roubo de identidade.
Recibir pagos con Taler
Para recibir pagos a través de Taler, a tenda precisa unha conta bancaria na divisa escollida. Proporcionamos o software compatible con varias linguaxes de programación para que a integración sexa máis doada. A infraestrutura da tenda para o procesamento da transacción Taler pode realizarse baixo as súas propias condicións ou estar hospedada por unha terceira parte.
A integración para comerciantes é sinxela, e os clientes poden pagar polos produtos sen necesidade de rexistrar unha conta.
Vexa como funciona a integración para comerciantes na nosa documentación para desenvolvedores!
Práctico
Taler é doado de integrar coas aplicacións web existentes. Os pagos están protexidos criptograficamente e confírmanse en milisegundos cuns custos de transacción extremadamente baixos.
Estable
Taler non introduce unha nova moeda. Taler usa unha carteira dixital que garda moedas e provedores de servizos de pago con contas de liquidación en moedas existentes. Así, as moedas criptográficas de Taler corresponden a moedas existentes, como os dólares estadounidenses, os euros ou mesmo os bitcoins.
Seguro
Por deseño, Taler non sofre moitas clases de problemas de seguridade, como o phishing ou a falsificación. Grazas ás súas características de seguridade, Taler nunca rexeita a un cliente lexítimo debido a un falso positivo da detección de fraude.
Tributable
Ao usar Taler, os ingresos do comerciante son transparentes para as autoridades de recadación fiscal. A diferenza do diñeiro en efectivo e da maioría das moedas dixitais, Taler axuda a previr os mercados negros. Taler non é axeitado para actividades ilegais.
Privado
Cando paga con Taler, non é preciso revelar a súa identidade. Igual que cos pagos en efectivo, ninguén máis pode rastrexar como gastou o seu diñeiro electrónico. Porén, obtén unha proba de pago legalmente válida.
Libre
Taler proporciona protocolos e implementacións de referencia que, en principio, permiten que calquera execute a súa propia infraestrutura de pago, xa sexan individuos, organizacións ou países enteiros. Dado que a implementación de referencia é un GNU paquete, que sempre será software libre.